Subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas.

Destinadas a mellorar, ampliar e/ou modernizar as empresas existentes que desenvolven actividades non agrícolas en zonas rurais, mediante o apoio á adquisición de equipamentos produtivos e a execución de obras necesarias para a súa instalación, co fin de reforzar o tecido empresarial no territorio rural galego e mellorar a súa competitividade, inducir á xeración de novos empregos, consolidar os existentes e, en última instancia, dinamizar a economía dos territorios rurais.

As axudas consisten en subvencións directas de capital.

Beneficiarios:

1. Poderán ser persoas beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras, sempre que cumpran os demais requisitos previstos nelas:

a) As microempresas e as pequenas empresas situadas en zonas rurais e constituídas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2018.

b) Persoas físicas que residan nunha zona rural.

c) Titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

Proxectos subvencionables:

1. Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos destinados á ampliación e/ou modernización de pequenas empresas que desenvolven actividades non agrarias nos seguintes sectores e ámbitos de actividade:

a) Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais. Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.

b) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE). Non obstante o anterior, para este sector de actividade excluiranse aqueles proxectos cun orzamento elixible superior a 60.000 €.

c) Prestación de servizos en calquera sector económico, con exclusión das empresas de servizos de maquinaria agrícola e forestal e das empresas de servizos enerxéticos.

d) Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas-escola…).

e) Actividades de ocio, recreativas e deportivas.

f) Artesanía e actividades artesanais.

g) Actividades baseadas na innovación tecnolóxica e no comercio electrónico.

h) Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria.

i) Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.

Os investimento proxectado deberá mellorar o rendemento global da empresa solicitante. Para estes efectos, deberá acadar algún dos seguintes obxectivos:

– Aumentar a competitividade da empresa.

– Reducir os custos.

– Aumentar o valor engadido.

– Reducir o impacto ambiental.

– Mellorar a rastrexabilidade e seguridade das producións.

– Diversificar as producións e/ou os mercados.

– Mellorar a calidade das producións.

– Implantar novos produtos, procesos ou tecnoloxías.

– Mellorar a comercialización das producións.

Investimentos subvencionables.

1. Con carácter xeral, serán subvencionables:

a) Compra de maquinaria e equipamentos novos afectos á actividade empresarial, e que sexan necesarios para o seu desenvolvemento.

b) Execución de obras e/ou instalacións encamiñadas á mellora ou ampliación de edificacións existentes na empresa que sexan necesarias para a instalación e funcionamento da maquinaria adquirida.

O importe máximo subvencionable para este concepto non superará o 50 % do total dos gastos subvencionables, ata o límite de 100.000 €.

2. Non serán subvencionables:

a) Material funxible en xeral.

b) Envases e embalaxes, aínda cando sexan reutilizables.

c) A reposición ou simple substitución de equipamento e maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamentos ou maquinaria distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento ou eficiencia ambiental, que deberá xustificarse na memoria-resumo do proxecto (anexo III).

d) Obras de reparación de edificios e de traslado.

e) Equipamentos de calefacción, climatización e ventilación, así como as instalacións que comporten.

f) Adquisición de maquinaria, equipamento e materiais de segunda man.

g) Equipamentos informáticos de oficina e licenzas informáticas en sistemas operativos e aplicacións de ofimática.

h) Deseño e/ou actualización de páxinas web.

i) A compra de vehículos de transporte exterior.

j) Mobiliario de oficina.

k) Investimentos non axustados no seu dimensionamento e capacidade ás actividades que vai desenvolver a empresa a curto prazo, ou ben dun importe unitario superior ao básico do mercado para unidades ou elementos de igual capacidade.

l) Investimentos non relacionados directamente coas actividades desenvolvidas polo solicitante.

m) Os gastos de alugamento de instalacións e equipamentos, nin os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing).

n) A man de obra propia e os materiais de igual procedencia.

o) As taxas por licenzas administrativas.

p) O imposto de valor engadido (IVE) e calquera outro imposto, agás que non sexa recuperable pola persoa beneficiaria.

q) Os gastos financeiros producidos como consecuencia do investimento.

r) Os xuros debedores.

s) Os conceptos do orzamento sen desagregar tales como «outros».

t) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude da axuda.

Artigo 5. Intensidade da axuda

A axuda será do 45 % dos gastos subvencionables.